Monday 06 de May de 2024

Máis dun cento de veciños ateigan a Casa da Cultura de Lousame para asistir ao espectáculo “Os Bolechas na máquina do tempo”


Máis dun cento de veciños e veciñas, sobre todo nenos e nenas, ateigaron este domingo o auditorio da Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame para asistiren ao espectáculo “Os Bolechas na máquina do tempo”. Unha actividade gratuíta do programa FalaRedes, no que participa o Concello de Lousame.

Durante a hora que durou a actuación, os nenos e nenas de Lousame interactuaron en todo momento cos monicreques das creacións de Pepe Carreiro e cos actores reais do espectáculo. E é que, ademais do compoñente lúdico da actuación, “Os Bolechas na máquina do tempo” tamén permitiu achegar nocións de historia aos nenos e nenas de Lousame a través dun concurso por equipos nos que cada proba superada lles permitía aos Bolechas obter unha peza que lles permitiría volver ao presente tras unha emocionante viaxe polo tempo.